Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta de Goberno aproba a adxudicación da obra para novos miradoiros no Monte Pedroso e axudas ao deporte federado por 300.000 euros


A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, acordou adxudicar as obras de acondicionamento de espazos para miradoiros no Monte Pedroso, así como dar luz verde aos proxectos para a execución dunha sala de usos múltiples no Centro Sociocultural da Rocha Forte e para a pavimentación dos lugares de Bar de Arriba, Bar de Abaixo e rúa dos Asidros. Tamén aprobou a resolución das axudas ao deporte federado por 307.999,77 euros. De todos os asuntos deu conta en rolda de prensa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

A Xunta de Goberno acordou adxudicar o contrato das obras de acondicionamento de espazos para miradoiros no Monte Pedroso en Santiago de Compostela a EXCAVACIONES Y CONSTRUCCIONES LAUREANO COVELO SA por importe de 149.228,62 € (base impoñible de 123.329,44 € máis IVE do 21% de 25.899,18 €), oferta que tamén incluía unha ampliación do prazo de garantía por riba do mínimo esixido en 5 anos. Esta operación está incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado e cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Acondicionaranse dous miradoiros, un diurno e un nocturno, e zonas de descanso. A obra consistirá na instalación de mobiliario urbano, así como de elementos de sinalización, plantacións e acondicionamento dos camiños. No proxecto só se empregan especies autóctonas e compatibles co equilibrio ecolóxico, como o Prunus avium (cerdeira silvestre), Quercus robur (carballo carballo), Castanea sativa (castiñeiro común) ou Erica arbórea (breixo arbóreo).

Proxectos para sala de usos múltiples no centro da Rocha e pavimentación en Bar e nos Asidros

O executivo local tamén aprobou o proxecto de execución da sala de usos múltiples do Centro Sociocultural de Rocha Forte cun orzamento de 172.318,33 euros, IVE incluído, e un prazo de execución previsto de 6 meses.

“Tratábase dun compromiso coa Asociación Cultural Rocha Forte para que poida ter unha sala con capacidade para poder desenvolver as súas actividades”, sinalou a alcaldesa. Sanmartín lembrou que se trata dunha obra que vai levar a cabo a Deputación da Coruña, titular do inmoble.

Outro proxecto que recibiu luz verde foi o de pavimentación dos lugares de Bar de Arriba, Bar de Abaixo e rúa dos Asidros, que conta cun orzamento de 212.718,39 euros, IVE inclúído e un prazo de execución de 3 meses. Levarase a cabo con cargo ao POS+ 2023 da Deputación da Coruña.

No apartado de obras, a alcaldesa tamén sinalou outros dous acordos: a autorización para proceder á recepción de obras de reurbanización da praza de León, onde se construíu un parque infantil, que contaron cun orzamento de 187.550 euros; e a aprobación do expediente para a contratación do servizo de dirección facultativa, dirección de obra e coordinación da seguridade e saúde das obras do proxecto de reurbanización da rúa do Pombal, cun orzamento base de licitación de 37.239,09 euros.

Axudas ao deporte federado

Nesta sesión da Xunta de Goberno tamén se aprobou a resolución e contías das subvencións para o fomento do deporte federado 2023. En total, benefícianse 52 entidades por un valor global de 307.999,77 euros.

Estas axudas destínanse ás entidades deportivas que participen en competicións oficiais federadas, con sede social no municipio de Santiago e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, e no Rexistro da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, coas indicacións e esixencias recollidas nas bases. Considéranse subvencionables conceptos como os gastos de pagamento de licenzas federativas e de mutualidade; gastos de desprazamentos fóra do termo municipal vinculados coas datas de competición oficial federativa; gastos de aloxamento e manutención dos diferentes equipos ou deportistas da entidade; gastos de arbitraxes que se correspondan coas competicións do calendario oficial federativo; gastos de material deportivo non inventariable (balóns, equipacións, …) ata un máximo de 3.000 euros; gastos de alugueiro de instalacións para adestramentos ou competicións; así como gastos médicos e de seguros de responsabilidade civil ou accidentes.

Convenios

No apartado de convenios, Sanmartín salientou a aprobación de tres: en primeiro lugar un convenio con COGAMI para levar a cabo o desenvolvemento dun programa experimental de emprego para persoas con discapacidade na anualidade 2023, por importe de 15.000 euros; un segundo convenio coa Asociación Área Empresarial do Tambre, no marco do programa Compostela Móvese 2023, cunha achega de 50.000 euros; e un terceiro, tamén no marco do anterior programa, coa USC por valor de 40.000 euros.